- O alcalde, José Crespo, que fixo hoxe público o nomeamento, salienta a súa ampla e continuada colaboración co Concello en diferentes iniciativas culturais e lingüísticas e o seu papel clave na defensa e promoción da lingua e da cultura de noso
O alcalde de Lalín, José Crespo, fixo hoxe público o nomeamento de Valentín García Gómez, secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia (Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude), como novo Comendador do Cocido 2026. Un recoñecemento á súa destacada traxectoria e ao seu compromiso coa defensa e promoción da lingua e da cultura galegas. Crespo subliña que “Valentín sempre colaborou activamente e de xeito continuado co Concello de Lalín, en diversidade de iniciativas tanto culturais como lingüísticas, botando sempre unha man cando é preciso”, lembrando, entre outros exemplos, o seu papel como pregoeiro das Festas das Dores 2024. Subliña así mesmo Crespo que Valentín García Gómez (Abades, Silleda, 1970), “é unha persoa cunha bagaxe sólida, visión estratéxica e compromiso continuado coa identidade do noso país”.
García Gómez adquiriu desde moi novo unha especial relación coa lingua, a cultura e a tradición galegas, moi marcada pola estreita relación con Xosé Neira Vilas e polo contexto neiravilano, que asentaron a súa vocación filolóxica e de servizo público a prol de Galicia. A súa formación e experiencia son amplas: é licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa, posgrao e Máster en Administración Local pola Universidade de Santiago de Compostela, realizou estudos de Dereito (UNED) e diplomado en Música polo Conservatorio de Santiago de Compostela.
Da súa vida profesional destacan o seu paso pola Administración local, exercendo como técnico do Servizo de Normalización Lingüística e dirixindo os departamentos de Cultura, Normalización Lingüística, Emigración e Xuventude do Concello da Estrada, para alén de coordinar e impulsar un importante número de actividades de dinamización sociocultural. Antes de chegar á Administración autonómica, participou no proceso de creación e posta en marcha da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta, como coordinador técnico deste primeiro gran proxecto de impulso ás políticas lingüísticas de promoción do uso do galego desde as administracións autonómica e local.
Ademais, Valentín García acumula unha longa experiencia de traballo en órganos e entidades claves de planificación da dinamización lingüística en Galicia, desde a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística (CTNL) ou o Consello da Cultura Galega. Colaborou coa Xunta de Galicia na impartición de formación dirixida a profesionais ao servizo da administración, formación de persoas adultas, elaboración do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004) e ten publicado artigos e estudos sobre sociolingüística e sobre a necesidade de formular políticas lingüísticas adaptadas á realidade social de Galicia, tema que desenvolveu en numerosos congresos, simposios e conferencias.
Ocupou cargos de responsabilidade en diversas fundación culturais —Xosé Neira Vilas, Castelao, Recreo Cultural da Estrada e Antón Losada Diéguez— e participou activamente en comisións, premios e iniciativas dedicadas á promoción da lingua e da creación literaria, un percorrido que o sitúa como unha das figuras máis comprometidas coa normalización da lingua galega no ámbito galego. Foi comisario da exposición itinerante e dos actos conmemorativos do 50º aniversario da publicación Memorias dun neno labrego en 2011. Membro do Comité de Seguimento e do Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela, da Asociación Cultural O Brado e da organización dos Premios San Martiño de Normalización Lingüística e vicepresidente do Centro de Iniciativas Culturais.
En representación do seu cargo actual como secretario xeral da Lingua, cargo que ocupa desde 2012, impartiu conferencias e relatorios en universidades españolas e estranxeiras, desde as que impulsa un intenso traballo de proxección exterior da lingua galega e promove o seu estudo e investigación, en focos estratéxicos de irradiación de correntes de opinión cultura como poden ser os EEUU (universidades de Nova York, Milwaukee e Michigan) ou Asia (China). É tamén autor de varias publicacións centradas no idioma, na historia local e na memoria local e colaborador en medios como Terras de Santiago, El Correo Gallego, Faro de Vigo, La Voz de Galicia, Galicia en el Mundo e España Exterior, o que reforza o seu papel como divulgador comprometido con Galicia.
Coa incorporación de Valentín García Gómez, a Encomenda do Cocido 2026 suma xa unha destacada lista de comendadores confirmados:
- Diego González Rivas, cirurxián torácico de referencia mundial e pregoeiro da Feira.
- Irene Villa, escritora, psicóloga e referente internacional en superación persoal.
- Luis de la Fuente, seleccionador nacional de fútbol.
- Ramiro Mejuto, empresario lalinense destacado no sector do frío.
- Jorge Mira, físico e divulgador científico, Medalla Galicia de Investigación e Premio da Confederación de Sociedades Científicas de España.
- Almudena Maíllo, concelleira delegada de Turismo do Concello de Madrid e secretaria xeral da Unión de Ciudades Capitales Iberoamericanas (UCCI).
- Antonio M. Chaves Cuiñas, escritor, pintor e coleccionista, cuxo apoio foi decisivo para o impulso do Museo Galego do Xoguete–Colección A. Chaves en Lalín (Pazo de Liñares).
- María Martínez Allegue, conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Xunta de Galicia.