- As candidaturas, en tres categorías (Xove empresaria, Traxectoria “Toda unha vida” e Mulleres en movemento) poderanse presentar ata o xoves 26 de febreiro
- Este Premio, convocado polas Concellerías de Igualdade e de Comercio con motivo do 8M, ten como fin dar visibilidade ás achegas das mulleres á sociedade nos diferentes ámbitos
- As candidaturas poderanse presentar polas propias interesadas ou por terceiros a través da sede electrónica, do Rexistro Xeral do Concello ou por correo electrónico a igualdade@lalin.gal
Hoxse ábrese o prazo para a presentación de candidaturas ao XX Premio ás Mulleres “Dna. Maruja Gutiérrez” 2026, unha iniciativa impulsada polas Concellerías de Igualdade e Comercio con motivo do 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres. Deste xeito, e de acordo ao extracto de bases publicado hoxe no BOPPO, as candidaturas poderán presentarse ata o 26 de febreiro.
O concelleiro de Igualdade, Avelino Souto, destacou que este premio “ten como obxectivo visibilizar, recoñecer e poñer en valor o papel fundamental das mulleres lalinenses, tanto no eido profesional e empresarial como no social e persoal”. Souto subliñou ademais que “é tamén unha ferramenta para avanzar na igualdade real, rachar cos estereotipos de xénero e crear referentes positivos para as novas xeracións”.
Ao galardón poderán optar empresarias con domicilio social en Lalín, así como mulleres ou asociacións e colectivos que destaquen pola súa traxectoria, en tres categorías: Xove empresaria (idade máxima da empresaria 35 anos ou que creación da empresa non supere os 3 anos de antigüidade), Traxectoria ‘Toda unha vida’ e Mulleres en movemento (para mulleres ou asociacións/colectivos de mulleres que destaquen pola súa traxectoria profesional, persoal ou social e que traballan polo avance da igualdade).
As candidaturas poderán ser presentadas polas propias interesadas ou por terceiros —particulares, asociacións, colectivos ou entidades— a través da sede electrónica, do Rexistro Xeral do Concello de Lalín ou mediante correo electrónico ao enderezo igualdade@lalin.gal, indicando no asunto XX Premio ás Mulleres “Dna. Maruja Gutiérrez”.
“O Premio Maruja Gutiérrez é xa unha cita consolidada no calendario municipal e unha mostra clara do compromiso do Concello de Lalín coa igualdade de oportunidades e co recoñecemento do talento e da traxectoria das mulleres do noso concello”, concluíu Avelino Souto.
As bases completas da convocatoria están dispoñibles na Oficina de Igualdade e na web municipal www.lalin.gal.
A entrega destes galardóns farase nun acto que terá lugar o 8 de Marzo con motivo do Día Internacional da Muller.