Novas

Buscador de Contenidos

Formulario
LALÍN PROMOVERÁ QUE O COCIDO GALEGO SEXA DECLARADO COMO PATRIMONIO CULTURAL INMATERIAL

· O Concello presentou en Santiago a 58ª Feira do Cocido como unha auténtica bandeira da gastronomía galega, impulsando a proposta para que o cocido galego sexa recoñecido como Patrimonio Cultural Inmaterial, polo seu valor identitario, cultural e social

· Esta edición da Feira terá como pregoeiro ao cirurxián galego de prestixio mundial, Diego González Rivas

O Concello de Lalín presentou este luns a Feira do Cocido no Centro de Hostalería de Galicia, nun acto celebrado na Aula de Cociña que serviu para poñer en valor este evento como unha das grandes referencias gastronómicas de Galicia e de todo o Estado, impulsando a proposta para que o cocido galego sexa recoñecido como Patrimonio Cultural Inmaterial, polo seu valor identitario, cultural e social.

A presentación contou cunha demostración culinaria a cargo do cociñeiro lalinense Alejandro Iglesias, discípulo dos irmáns Roca e de Martín Berasategui, quen preparou diferentes elaboracións a partir do cocido tradicional, que posteriormente foron degustadas polos asistentes.

O acto foi inaugurado pola concelleira de Turismo de Lalín, Begoña Blanco, quen destacou que “a Feira do Cocido é xa unha marca consolidada e unha das bandeiras das excelencias gastronómicas do interior de Galicia”. Blanco subliñou que Galicia “pode presumir de ter as mellores festas gastronómicas de España” e que o Cocido de Lalín ocupa un lugar destacado entre elas.

Pola súa banda, o director do Centro de Hostalería de Galicia, José Paz, puxo en valor a colaboración entre institucións para promover a gastronomía galega como elemento clave de identidade e atractivo turístico.

Na súa intervención, o alcalde de Lalín, José Crespo, salientou que “o turismo gastronómico é cada vez máis un recurso económico vital, e Lalín é un claro exemplo diso, non só para o concello e a comarca, senón para todo o interior de Galicia”. Crespo lembrou que detrás da Feira do Cocido “hai moito máis ca un prato: hai festa, cultura e lecer, pero sobre todo hai decenas de produtores e centos de familias que se benefician da chegada de visitantes durante meses”.

O alcalde convidou ademais “a todos os galegos e galegas a achegarse a Lalín o vindeiro domingo, independentemente do tempo”, e destacou que nesta edición haberá “máis opcións ca nunca para degustar o cocido”, coa incorporación de novas propostas como o Cocido Lalín Arena.

O acto foi pechado polo director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, quen reafirmou o apoio da Xunta á Feira do Cocido e destacou o impacto turístico e mediático dun evento que xa transcende fronteiras.

Anunciouse que, tras as presentacións realizadas en Madrid, Oviedo e Santiago, a promoción da Feira do Cocido continuará cun evento internacional:, a organización dun Cocido en Nova York, que terá lugar o vindeiro 26 de abril na Casa de Galicia na cidade estadounidense.

As autoridades aproveitaron o acto para convidar a toda a cidadanía galega a  achegarse este domingo a Lalín, animando a non deixarse influír polas previsións meteorolóxicas. Subliñouse que este ano haberá máis opcións que nunca para degustar o cocido, incluído o Cocido do Lalín Arena, e que a xornada contará con figuras destacadas como o cirurxián galego de prestixio mundial, Diego González Rivas, pregoeiro desta edición, así como comendadores como Irene Villa ou o seleccionador nacional de fútbol, Luis de la Fuente.

O alcalde lembrou que “Lalín e o Cocido son moito máis ca o 8 de febreiro”, xa que ata ben entrado o mes de maio seguirán servíndose cocidos en numerosos restaurantes, e nalgúns casos poderán degustarse durante todo o ano por encarga. Ademais, nos vindeiros meses Lalín contará cunha ampla programación complementaria con citas como o Vermú das Señoritas no Entroido, a Impalada, o Motococido, o Rali do Cocido, a Festa do Cabalo ou Feiradeza, entre outras.

km0