Novas

Buscador de Contenidos

Formulario
DIEGO GONZÁLEZ RIVAS AFIRMA QUE “A FEIRA DO COCIDO É UNHA EXPRESIÓN COLECTIVA, UNHA DECLARACIÓN DE ORGULLO E UNHA FORMA DE DICIRLLE AO MUNDO QUEN SOMOS E COMO ENTENDEMOS A VIDA”
  • O pregoeiro da LVIII Feira do Cocido defende que esta Festa de Interese Turístico Internacional “é moito máis ca un prato; é unha lección de tempo e de sabedoría” porque “nese xeito de cociñar hai unha filosofía de vida”

  • Sinala que “o cocido, como a medicina, ensínanos que o verdadeiro valor está no proceso e non só no resultado final e que coidar os detalles é unha forma de respecto”

 

  • Alude a Cunqueiro e a súa obra “A cociña galega” na que sinala que “a cociña é a paisaxe posta na pota” e remarca que co primeiro pregoeiro da Feira “pratos como o cocido deixaron de ser só comida para se converter en relato, identidade e patrimonio compartido”
  • Tivo unha mensaxe especial para a mocidade a quen lle dixo que debe atreverse a pensar diferente e a abrir a mente, sen perder as raíces e os valores
  • Recordou a todas as persoas que fan posible a festa e “que non sempre se ven: produtores, cociñeiros e cociñeiras, asociacións, voluntarios, traballadores municipais e veciñanza”, dos que dixo “sodes a verdadeira alma do Cocido”
  • Explicou que a súa Fundación nace dun compromiso ético de entender que a saúde non debería depender do lugar no que un nace nin dos recursos que teña
  • Rematou dicindo que “por moito que un percorra o mundo e coñeza a moita xente, o corazón sempre sabe onde está a súa casa, e hoxe síntome na casa”
  • Nomeáronse nove novos Comendadores: Diego González Rivas, Irene Villa, Ramiro Mejuto, Luis de la Fuente, Jorge Mira, Almudena Maíllo, Antonio Chaves, María Martínez Allegue e Valentín García

 

  • A LVIII Feira do Cocido incorpora a celebración do primeiro macrococido no Lalín Arena, a presentación do Cocido en Nova York o 26 de abril, unha Matanza Tradicional do Porco realizada por vez primeira por unha agrupación de parroquias e unha Gala do Cocido con formato renovado. Para vindeiras edicións impulsarase a declaración de cocido galego como Ben de Interese Cultural na categoría de patrimonio inmaterial

É para min unha honra inmensa estar hoxe aquí, neste lugar que non só é un punto no mapa, senón un espazo cheo de significado, de memoria e de identidade. Grazas ao Concello de Lalín por convidarme a compartir convosco este momento tan especial, por permitirme formar parte dunha celebración que representa como poucas o que somos como pobo. A Feira do Cocido non é só unha festa. É unha expresión colectiva, unha declaración de orgullo e unha forma de dicirlle ao mundo quen somos e como entendemos a vida”. Con estas palabras comezou o cirurxián galego de prestixio mundial, Diego González Rivas, hoxe o pregón da LVIII Feira do Cocido.

Continuou González Rivas cunha referencia aos valores que nos identifican como lalinenses e como galegos: “Dise moitas veces que Lalín é o Quilómetro Cero de Galicia. E non é unha frase baleira. Aquí conflúen camiños, historias e xeracións. Aquí consérvanse valores que identificamos como profundamente galegos: o traballo constante, a humildade, a perseveranza, o respecto polo ben feito, principios que tamén guían o meu desempeño diario”. E engadiu: “Lalín representa esa Galicia que non necesita levantar a voz para facerse notar. A Galicia que constrúe día a día, con constancia, sen présa pero sen pausa”.

De seguido defendeu que “o Cocido de Lalín é moito máis ca un prato; é unha lección de tempo e de sabedoría. Hai carnes que precisan horas, verduras que esixen respecto polo punto exacto, e un caldo que se constrúe pouco a pouco, con paciencia e coñecemento. Porque o cocido non se fai con présa: faise con criterio”.

Sabedoría nas potas ao lume lento e nas mans de quen aprendeu facendo

Neste sentido fixo fincapé en que “como na medicina, é preciso escoitar, observar, esperar e actuar no momento xusto. O cocido ensínanos que o verdadeiro valor está no proceso, non só no resultado final. Que coidar os detalles é unha forma de respecto e que a sabedoría non sempre está nos libros, senón tamén nas cociñas das casas, nas potas ao lume lento e nas mans de quen aprendeu facendo. E iso esa relación co tempo, coa paciencia e co saber é algo profundamente galego. Unha maneira de estar no mundo que converte un prato humilde nun símbolo, e unha comida compartida nun acto de celebración, encontro e pertenza”, remarcou.

O cocido representa familia, tradición e afecto

Introduciu unha lembranza persoal en relación co cocido. Así explicou que “na miña casa, o cocido non era só comida. Era un acontecemento. Facíao miña avoa, con ese saber que non se aprende nos libros, senón na vida. Ela sabía cando había que empezar, cando había que esperar e cando todo estaba no seu punto xusto, sen présas e sen medidas exactas, só coa experiencia dos anos”.

Continuou relatando que “co paso do tempo, cando ela xa non estaba, foron as miñas tías as que colleron o relevo. E o cocido seguiu sendo o mesmo: un motivo para xuntarnos, para celebrar, para compartir mesa e tempo. Un deses días nos que a casa se enchía de conversa, de risas e de familia”. E sostivo que: “para min o cocido sempre foi iso: un momento de celebración, de unión e de memoria. Un recordatorio de que as cousas máis importantes da vida adoitan pasar arredor dunha mesa, entre a xente que se quere. E talvez por iso esta festa gastronómica emocióname dun xeito especial. Porque cando aquí celebramos o Cocido de Lalín, non estamos falando só dun prato extraordinario, senón de todo o que representa: familia, tradición e afecto”.

A mesa como espazo de comunidade

Expuxo que “ao redor dunha mesa de cocido non só se comparte comida, senón que se comparten historias, lembranzas, silencios e risas. Reúnense familias, amizades e xeracións enteiras”. Ao respecto sinalou que “nun mundo cada vez máis rápido e máis individualista, esta festa recórdanos a importancia do encontro, do tempo compartido, da comunidade. Recórdanos que unha sociedade forte se constrúe arredor de vínculos humanos”.

Un pregón dentro dunha gran tradición

Enmarcou o seu pregón dentro “dunha longa tradición que honra profundamente a esta festa. Ao longo da historia da Feira do Cocido de Lalín, por este atril pasaron algunhas das voces máis relevantes da cultura, da literatura e do pensamento galego e español”. Todos os pregoeiros, entre os que citou a Álvaro Cunqueiro, Xosé Filgueira Valverde, Xosé Otero Abeledo “Laxeiro”, Celso Emilio Ferreiro, Eduardo Punset e Víctor Freixanes, “entre moitos outros nomes contribuíron a facer desta festa algo máis ca unha celebración gastronómica: un verdadeiro espazo de encontro cultural e identitario”.

Remarcou que “cada un deles trouxo aquí a súa voz, a súa mirada e a súa maneira de entender Galicia e o mundo. E iso demostra que o Cocido de Lalín non só alimenta o corpo, senón tamén o pensamento, a memoria colectiva e o orgullo de pertencer a unha terra cunha riqueza cultural extraordinaria”.

Cociñar como forma de memoria: cocido como relato, identidade e patrimonio compartido

Fixo alusión ao primeiro pregoeiro da Feira, Álvaro Cunqueiro indicando que “puxo en valor a cociña galega como feito cultural, literario e mesmo moral” e dixo que “nos lembraba que cociñar é unha forma de contar quen somos, de gardar a memoria e de respectar o tempo das cousas. Grazas a el, pratos como o cocido deixaron de ser só comida para se converter tamén en relato, identidade e patrimonio compartido”.

Aludiu a Cunqueiro, cunha frase do seu libro “A cociña galega” onde recolle que “a cociña é a paisaxe posta na pota”. “E nesa paisaxe están a nosa historia, o noso tempo e a nosa maneira de entender a vida”, subliñou o pregoeiro.

En todos os lugares levo comigo Galicia

De seguido explicou que “ao longo da miña vida profesional tiven a oportunidade de traballar en máis de cento corenta países. Coñecín persoas extraordinarias, contextos moi distintos e lugares onde o acceso á saúde é un desafío diario. Pero en todos eses lugares levo comigo Galicia. Lévoa na forma de tratar os meus pacientes, na maneira de entender a responsabilidade, na humildade coa que hai que exercer calquera profesión. Porque por moito que un coñeza xente no mundo, o corazón sempre sabe onde pertence”.

Coñecer o mundo para entender a casa

Viaxar ensíname a aprender, a adaptarme, a relativizar. Pero tamén me ensina algo esencial: a valorar as miñas raíces”, precisou.“Pódese coñecer a moita xente no mundo, traballar en continentes distintos, vivir realidades moi afastadas da nosa. Pero hai algo que nunca cambia: o lugar onde aprendiches quen es. E para min, ese lugar sempre foi e será a miña terra: Galicia”.

A Fundación: compromiso co mundo

Diego González Rivas detallou que “desta experiencia internacional nace tamén a miña Fundación. Unha Fundación que non traballa nun territorio concreto, senón alí onde existe necesidade. En África, en Latinoamérica, en calquera lugar do mundo onde haxa persoas sen recursos que precisan atención médica”.

Puxo en valor que “o seu obxectivo non é só operar, senón formar profesionais locais, compartir coñecemento e crear capacidade para que a atención sanitaria perdure no tempo. Porque a verdadeira axuda non é a que chega unha vez ao mes, senón a que deixa ferramentas para o futuro”. “A Fundación nace dun compromiso ético: entender que a saúde non debería depender do lugar no que un nace nin dos recursos que teña”, remarcou.

Valores galegos levados polo mundo

A Fundación non traballa en Galicia, pero leva Galicia consigo. Leva os valores aprendidos aquí: a humanidade, a proximidade e o respecto pola persoa, a solidariedade sen alardes. Esa forma tan nosa de axudar sen facer ruído, de traballar sen buscar protagonismo. Porque ser galego non é só unha cuestión xeográfica; é unha maneira de estar no mundo”, subliñou.

A medicina como acto humano

Aseverou esta lenda internacional da medicina que “a medicina non só é técnica e innovación (...) é, sobre todo, humanidade. Cada paciente é unha historia, unha familia e unha esperanza. E iso non se aprende só nos libros nin nos quirófanos máis avanzados. Apréndese tamén na vida e nos valores cos que un medra. Como o cocido, a boa medicina require tempo, coidado e respecto”.

Argumentou que “Lalín é exemplo de como tradición e futuro poden camiñar xuntos. Aquí deféndese o que somos, pero tamén se aposta pola mocidade, polo talento, pola cultura e pola innovación. Unha terra que só mira ao pasado estáncase. Unha terra que esquece as súas raíces perde a alma. Lalín demostra que se pode avanzar sen perderse”.

Mensaxe á xente nova

Tivo tamén unhas palabras especiais para a xente nova de Lalín e de Galicia da que dixo: “Sodes o presente e, sobre todo, o futuro desta terra. O voso talento, a vosa creatividade e a vosa capacidade de innovación son fundamentais para que Lalín, para que Galicia, siga avanzando sen perder a súa identidade”.

Indicoulles: “Non teñades medo de pensar diferente, de facer as cousas doutro xeito, de cuestionar o que sempre se fixo igual. O progreso nace precisamente desa forma de abrir a mente sen esquecer nunca os valores aprendidos aquí: o esforzo, a humildade, o respecto e o compromiso cos demais”. (...) “Porque non hai mellor forma de honrar o que recibimos que seguir construíndo aquí, con raíces fondas e coa mirada posta no mañá”.

A verdadeira alma da festa

González Rivas tivo unha lembranza a todas as persoas que fan posible estas festas “persoas que non sempre se ven: produtores, cociñeiros e cociñeiras, asociacións, voluntarios, traballadores municipais e veciñanza”. “Vós sodes a verdadeira alma do Cocido. Por iso moitas grazas”, afirmou.

No peche do seu pregón, que fixo integramente en galego, defendeu “desde o Quilómetro Cero de Galicia” que “por moito que un percorra o mundo, por moito que coñeza a moita xente, o corazón sempre sabe onde está a súa casa, e hoxe síntome na casa”, antes de rematar con vivas á Feira do Cocido, a Lalín e a Galicia.

Singularidades desta edición

Tamén esta Feira está marcada pola celebración, por primeira vez, dun macrococido no Lalín Arena, que se celebra hoxe, e que garantirá que todas as persoas que o desexen teñan oportunidade de saborear o noso prato rei no día grande sen saír do noso pobo. Estará preparado polos cociñeiros Álex Iglesias e Carlos Brea, que conforman a sociedade Gastrodeza. Este ano tamén foi a primeira vez que a Matanza Tradicional do Porco estivo organizada por unha área parroquial, neste caso, a da Vía da Prata, conformada polas parroquias de Botos, A Xesta, Vilanova e Donsión. Un evento que se celebrou o 25 de xaneiro na casona de Mouriscade.

A Gala do Cocido do 30 de xaneiro tamén estreou formato renovado, transformándose nun festival musical e gastronómico, que encheu o Lalín Arena. Nesta edición a Feira presentouse en Santiago de Compostela, Oviedo, Madrid e en abril, en Nova York, consolidando a internacionalización da festa e reforzando o papel como capital gastronómica. Cara ás vindeiras edicións impulsarase a declaración do cocido galego como Ben de Interese Cultural (BIC) na categoría de patrimonio inmaterial.

Pero ademais, a LVIII Feira do Cocido engloba todo un conxunto de eventos e actividades, entre as que se atopan o XXVIII Mes do Cocido, que aínda que leva o nome de mes se estende durante practicamente un semestre; a V Feira Internacional de Apicultura, Alvariza, que se celebrou o 31 de xaneiro e o 1 de febreiro ou a exposición central do Cocido “Antón Sobral: o silencio da mar” que se pode ver no Museo Municipal Ramón Mª Aller ata o 28 de marzo.

Nove novos Comendadores

Os actos deste día grande do Cocido deron comezo sobre as 10.30 horas na Casa Consistorial coa Encomenda do Cocido, na que nesta edición ingresaron nove novos integrantes: Diego González Rivas (pregoeiro, cirurxián torácico galego de prestixio mundial); Irene Villa (escritora, psicóloga e referente en superación persoal); Ramiro Mejuto (empresario lalinense referente no sector da refrixeración); Luis de la Fuente (seleccionador nacional absoluto de fútbol); Jorge Mira (físico, divulgador científico e Medalla Galicia de Investigación); Almudena Maíllo (concelleira de Turismo do Concello de Madrid e secretaria xeral da Unión de Ciudades Capitales Iberoamericanas); Antonio Chaves (escritor, pintor e coleccionista, impulsor do Museo Galego do Xoguete no Pazo de Liñares -Lalín-); María Martínez Allegue (conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Xunta de Galicia) e Valentín García Gómez (secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia).

Degustación de filloas de Lestedo

De seguido, a comitiva encabezada polo pregoeiro e embaixador, Dr. Diego González Rivas; polo alcalde de Lalín e polo presidente da Xunta, visitou a Carpa do Cocido no Campo da Feira con produtos gastronómicos típicos de Lalín e de artesanía. A visita tamén incluíu unha degustación de filloas de Lestedo, preparadas polos membros da Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, coa participación de veciños de Boqueixón, no marco do irmandamento existente entre a Feira do Cocido e a Festa da Filloa, que se materializou en 2025.

Na comitiva tamén participaron: o presidente do Parlamento e comendador; o presidente da Deputación de Pontevedra e comendador; varios altos cargos da Xunta de Galicia (conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP e comendador; conselleiro de Sanidade; conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración e comendador; delegado territorial da Xunta en Pontevedra; secretarios e directores xerais, etc.); o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia; eurodeputados; deputados provinciais, autonómicos e nacionais; senadores; alcaldes; a Valedora do Pobo; o director da Escola Naval de Marín; o presidente da RAGBA; o cartelista da Feira, José María Barreiro e tamén comendador; comendadores; patrocinadores e membros da Corporación.

A continuación a delegación dirixiuse ao palco da rúa Principal onde Diego González Rivas ofreceu o seu pregón tras ser presentado polo alcalde de Lalín. De seguido, o presidente da Xunta impúxolle a medalla ao pregoeiro. Seguiulle o desfile de charangas e comparsas nun día no que o tempo está a dar un respiro. Pola tarde, a Charanga KM Cero, ambientará as rúas e pola noitiña, actuarán nunha carpa instalada na Praza da Igrexa, a Charanga Ardores e a Orquestra Tekila.

 

km0