Novas

Buscador de Contenidos

Formulario
A actuación de rehabilitación de Lalín de Arriba da EDUSI, que posibilitou dotar á contorna dunha completa rede de servizos urbanos de última xeración, está próxima ao seu fin

Nestes días estase a completar con traballos de eliminación do tendido aéreo eléctrico e en próximos meses soterrarase a rede de telefonía, traballos que acometerá a empresa subministradora, eximindo ao Concello do custo.

A actuación de rehabilitación da área urbana de interese cultural e patrimonial de Lalín de Arriba, desenvolta ao abeiro da liña 10 da Estratexia DUSI Lalín Ssuma 21, e cofinanciada nun 80% con fondos FEDER mediante o POCS 2014-2020 está próxima ao seu remate e recepción de obras por parte do Concello de Lalín.

Así o veñen de sinalar a responsable municipal da Estratexia, Paz Pérez, e a concelleira encargada desta liña 10 da EDUSI, Begoña Blanco, que explican que as obras están practicamente finalizadas tras executarse a renovación integral das redes de servizos urbanos, a fase máis complexa, que se atopa xa rematada desde hai varios meses, e tras levar adiante a pavimentación da contorna nas últimas semanas, feita con total respecto aos elementos patrimoniais singulares que presenta o lugar.

Inicialmente -explica Paz Pérez- executáronse no ámbito de actuación novas redes de saneamento, substituíndo as vellas (obsoletas e deterioradas) por unha nova separativa de pluviais e residuais. O mesmo se fixo coas redes de electricidade, iluminación pública e telefonía, que estarán totalmente soterradas. A maiores tamén se dotou á zona de rede de abastecemento de gas, da que non dispuña anteriormente, afirma a responsable da DUSI.

Nas últimas semanas levouse a cabo a pavimentación total da zona tendo en conta que se trata dunha contorna patrimonial única, ao tratarse probablemente do xermolo do Lalín actual, indica. Conta cunha trama de orixe medieval, única no casco urbano, e ademais trátase da porta de entrada do Camiño de Inverno a Lalín. Na zona hai varias edificacións catalogadas desde o punto de vista patrimonial como son as Casas de Moure e de Marcial e a Igrexa de San Martiño, xunto ao cruceiro, para o que foi preciso obter de Patrimonio autorización favorable.

A imaxe lograda tras estas obras de restauración correspóndese coa interpretación da información histórica obtida e analizada durante a redacción do proxecto. Así, reinterpretouse o eixo enlousado como o que tiña a rúa da Calzada antigamente, e os bordes tamén enlousados que se observaban en fotografías antigas da contorna. O resto da vía resolveuse optando por formigón lavado coloreado, a semellanza do camiño de terra preexistente, precisa Pérez en base ás consideracións achegadas polo director de obra.

TRES PUNTOS SINGULARES CON PAVIMENTO DE CUARCITA

A actuación componse do trazado da rúa do Cruceiro, desde a Rolda Leste ata pasada a praza da igrexa. Ademais de pavimentarse con respecto aos valores da contorna todo este trazado lineal, tívose un especial coidado na imaxe de tres puntos singulares ao longo deste percorrido:

  • a praza conformada pola igrexa de San Martiño xunto ás Casas de Moure e de Marcial

  • a praza do Cruceiro

  • e unha nova e pequena praza que se xerou coa adquisición dos terreos por parte do Concello (no entronque da Rolda Leste coa rúa do Cruceiro).

Nestes puntos o pavimento transfórmase lixeiramente, xerando zonas destacadas mediante o emprego de pedra de cuarcita.

NOVA PRAZA DE BENVIDA DO PEREGRINO

Unha nova praza que se creou mediante a adquisición municipal dos terreos -unha parcela triangular de dimensións reducidas- e que se conforma como punto de entrada e de benvida aos peregrinos do Camiño de Inverno. Créase así nese emprazamento unha pequena área de repouso e miradoiro, con mesas e bancos para o descanso, á sombra dun arborado autóctono composto por ameneiros e chopos.

Para completar o ámbito de actuación tamén se fixo necesario executar novos muros de contención, para o que se mantivo a imaxe orixinal dos valados preexistentes, executados a óso (sen morteiro).

Hai que destacar que a pavimentación supuxo a rebaixa da cota da rúa ao seu nivel orixinal, xa que os sucesivos asfaltados o foran elevando, distorsionando así a percepción da igrexa e outras edificacións relevantes. Tamén se ocultara parte da escalinata do cruceiro, agora visible e recuperada. Esta actuación tamén fixo imprescindible a reconstrución de muros tradicionais que, por non contar con cimentación, corrían serio risco de derribamento.

Todas as referidas actuacións están rematadas e nestes días estanse vendo completadas con traballos de eliminación do tendido aéreo eléctrico. A obra prevía o soterrado do cableado para o que se executaron canalizacións enterradas.

A empresa distribuidora de electricidade está a executar o soterrado do cableado así como a eliminación do tendido eléctrico, unha actuación importante e que se inclúe dentro desta actuación de rehabilitación que contou cun orzamento global de 252.170,95€, dos que 50.434,12,€ son de achega municipal (20%). Isto posibilitará a eliminación dos postes de formigón e de madeira que non estaban acordes coca contorna.

Así mesmo cómpre indicar que a empresa de telefonía ten previsto realizar idéntico proceso nos próximos meses, xa que segundo indicaron, entra no seu programa de renovación de liñas e servizos, sendo a empresa prestadora do servizo quen asuma o custo desta actuación, eximindo así ao Concello do mesmo.

A supresión do tendido aéreo nunha zona coma esta, de alto valor patrimonial e histórico, contribuirá a lograr unha imaxe que integra historia e tradición nun ámbito dotado duns completos servizos urbanos de última xeración, xa que se dotou á totalidade da contorna de novas redes de abastecemento de auga e de gas, saneamento, electricidade e telecomunicacións.

km0