O venres 3 de decembro ás 20.30 h. terá lugar a inauguración.
Coas Aldeas de Nadal buscamos ser un referente do Nadal en Galicia.
Este ano, que é o terceiro que se desenvolve este proxecto, medra en número de casas e no alcance do proxecto: conta con 6 Aldeas que suman 33 casiñas e este ano estréanse 17 casiñas, que é unha cantidade importante. Inaugurase o venres 3 de decembro, ás 20.30 horas.
As 3 Aldeas novas son:
-a Aldea dos Reis Magos (instalada na Praza da Biblioteca e baseada na arquitectura oriental que contará con seis casiñas, a máis grande delas para os Reis)
-a Aldea dos Trasnos (situada na Parque de Loriga representa un bosque máxico con luces de cores e casiñas penduradas das árbores)
-e a Aldea das Estrelas (onde a zona do Observatorio, rende homenaxe ao astrónomo Ramón Mª Aller e que levará unha reprodución do observatorio).
Estas 3 Aldeas novas súmanse ás que xa se tiñan de anos anteriores:
a Aldea da Praza da Igrexa (que este ano terá unha xoguetería e unha librería)
a Aldea do Apalpador (que amplía o número de casiñas ata 7) e
a Aldea da Praza da Vila (terá un espazo amplo para actividades e unha iluminación diferente do templete)
Deste xeito, todos os personaxes do Nadal estarán representados en Lalín (Apalpador, Reis Magos, Papá Noel...). Podense ver no cartel anunciador que foi realizado por Armindo Salgueiro.
Seis Aldeas é xa un proxecto xeitoso. Obviamente non pode quedar aí, ten que seguir medrando para o ano. Confiamos nos catro anos, cando cheguemos a decembro 2022, poder ter artellado un proxecto que sexa xa referencia en Galicia e cunha dimensión galega importante.
Queremos que o Nadal arranque potente en Lalín, posto que nesta época do ano tamén inicia xa a tempada dos primeiros cocidos e logo rematadas estas datas xa enlazamos con todo o preámbulo do Cocido que nesta edición vai ter novidades importantes en consonancia a ser certame internacional.
Serán seis meses de actividades concatenadas coas que buscamos que Lalín estea vivo no inverno, máis cá ningún outro concello de Galicia. Desde as Aldeas de Nadal ata o Mundial de Enduro (que será en maio) haberá 6 meses de actividades que pretendemos que sexa un reclamo para que veña moita xente a Lalín.
Pero as Aldeas de Nadal, este proxecto identitario feito integramente por xente de Lalín, que impulsamos desde a Concellería que dirixe Karen Fernandez Lamela coa dirección artística de Luchi Iglesias seguirá medrando. O noso obxectivo é claro: que os galegos e o noroeste español poidan vir aquí a Lalín a desfrutar cos seus fillos pequenos do encanto das Aldeas de Nadal.
Dicirvos que xa neste Nadal comezaremos a traballar para cara ao ano que vén contar con empresas e negocios que patrocinen novas casiñas e poidan e poidan ter o seu protagonismo neste proxecto.