Novas

Buscador de Contenidos

Formulario
A COMISIÓN DE FESTAS DAS DORES 2022 INICIA O PETITORIO PARA UN CARTEL NO QUE ESTARÁN PRESENTES CINCO DAS GRANDES ORQUESTRAS DE GALICIA

Actuarán América, Panorama, París de Noia, Cinema e El Combo Dominicano, unha por día

  • Desde o Concello agradécese o gran esforzo que van a ter que realizar cada un dos membros da Comisión para conseguir sufragar a totalidade do custe das patronais das Dores 2022, para o que terán que xuntar uns 50.000 € procedentes de colaboracións externas, a maiores da achega municipal

  • Pídese colaboración veciñal para reunir esta cantidade porque as Festas das Dores son para desfrute de toda a veciñanza

 

 

“Desde o Concello queremos agradecer á Comisión de Festas das Dores 2022 (conformada pola presidenta, Inés Reboredo Brandido; polo vicepresidente, Luis Fernando González Gamallo; pola secretaria Beatriz González Rozas; polo tesoureiro Alejandro Penalta Muíños, e polos vogais Sandra Rodríguez Gil, José Luis Mosquera Fuentes e Antonio Fernández Fernández) o traballo que xa comezaron a desenvolver e que se intensificará nos vindeiros días co inicio do petitorio para poder desfrutar dunhas boas festas patronais de Lalín”. Así o sinalan o edil de Festas, José Cuñarro, e a concelleira de Cultura, Begoña Blanco que indican que “a día de hoxe e como punto de partida podemos anunciar que nas Festas das Dores actuarán cinco das orquestras de máis renome que temos na nosa Comunidade: América S.L.; Panorama; París de Noia; Cinema e El Combo Dominicano, distribuídas unha cada día”.

Os representantes municipais fan fincapé en que “a Comisión precisa reunir entre uns 50.000 € a maiores da aportación municipal para sufragar o programa de actividades previstas no que se está a traballar e que presentaremos en vindeiras datas ao igual que a cartelería dos festexos”. Os concelleiros remarcan que “para conseguir cubrir o investimento total dos cinco días das Festas das Dores a Comisión terá que facer un gran esforzo en pouco tempo para realizar o pedimento polos domicilios e tamén polas empresas e outros establecementos locais que estean dispostos a brindar a súa colaboración”. Neste sentido explican que “se pide a máxima colaboración veciñal porque as Festas non só son da Comisión e do Concello, senón que son de todos os veciños de Lalín e van beneficiar a todo o pobo”.

José Cuñarro e Begoña Blanco tamén concretan que “a Comisión se ocupará de pechar o programa de actividades incorporando ao elenco das cinco grandes orquestras, outras formacións de caché, agrupacións, charangas, as bandas do noso Concello, que van estar todas representadas nas Festas das Dores como vén sendo habitual, gaiteiros, etc.”.

“Quédalle por diante un gran traballo á Comisión para poder completar o cartel e para recadar os cartos necesarios para completar o custo total das Festas, por iso desde o Concello non queremos máis que animalos porque somos conscientes das moitas horas de traballo que teñen que empeñar neste cometido descontándollas ao seu tempo de ocio e de familia”, afirman.

“Polo tanto, darlle as grazas a todos e cada un por realizar este esforzo importante en pouco tempo de xeito voluntario”, sinalan. “Serán as primeiras festas en condicións normais que realizaremos desde a pandemia”, precisan.

km0