Novas

Buscador de Contenidos

Formulario
MÁIS DE 800 PERSOAS PARTICIPAN NA XXVIII ROMARÍA INTERXERACIONAL DE LALÍN NA CARBALLEIRA DAS NICASIAS
  • O alcalde entregou o premio a Pablo Ferreiroa Carballo, pola súa colaboración desinteresada para o Concello de Lalín e a súa veciñanza na diáspora en Venezuela e nos EE.UU.
  • O conselleiro de Cultura fixo entrega do agasallo ao matrimonio de máis anos casados do Concello de Lalín composto por Celino Camilo Gil Rodríguez e Elisa Villar Lalín
  • O xefe territorial de Medio Rural, Antonio Crespo, entregou a Leontina Rodríguez Gómez a distinción da veciña de máis idade e Celino Camilo Gil Rodríguez, de 94 anos, recibiu a mesma distinción da man da directora xeral de Xuventude Cristina Pichel
  • José Cuñarro, concelleiro de Obras e Servizos fixo entrega a Leontina Golmar Carballo do agasallo por ser a muller que máis tempo estivo emigrada, 65 anos, e Manuel Portos Cadavid, o home que máis tempo estivo emigrado, 66 anos, recibiuno da man de Karen Fernández, concelleira de Comercio e Promoción Económica

Máis de 800 persoas participaron na XXVIII Romaría Interxeracional do Concello de Lalín, que se desenvolveu este domingo na Carballeira das Nicasias, sita no Polígono Lalín 2000, na que participou o alcalde de Lalín, José Crespo, así como o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel -en representación da Consellería de Política Social e Xuventude-, e o xefe territorial da Consellería de Medio Rural, Antonio Crespo. Tamén asistiu unha nutrida representación de concelleiros do grupo de goberno así como representantes municipais de CxL.

A Romaría deu comezo pasadas as doce do mediodía cunha misa oficiada na propia Carballeira polo párroco de Bermés, José Ramón Pena Taboada. Seguidamente tivo lugar o concerto da banda de música “A Lira” de Prado e, tras o seu remate, interveu a tenente alcalde Paz Pérez dando a benvida aos asistentes e anunciando a entrega de recoñecementos.

Esta distinción comezou coa entrega do recoñecemento ao matrimonio con máis anos de casados por parte do conselleiro de Cultura e Educación a Celino Camilo Gil Rodríguez e Elisa Villar Lalín, que levan 68 anos casados.

No eido da distinción aos veciños que máis anos pasaron no exterior, Leontina Golmar Carballo foi distinguida como a muller que máis tempo estivo emigrada por pasar 65 anos

en Venezuela, e recibiu a condecoración da man de José Cuñarro. Manuel Portos Cadavid, o home que máis tempo estivo emigrado, 66 anos (13 en Brasil e 53 en Venezuela) recibiu o premio da man de Karen Fernández.

Por outra banda, Leontina Rodríguez Gómez, de 96 anos, recibiu a distinción da veciña de máis idade por parte do xefe territorial Medio Rural, Antonio Crespo, e Celino Camilo Gil Rodríguez, de 94 anos, recibiu a mesma distinción na categoría de home de máis idade do Concello da man da directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel.

Este ano houbo outro premio a maiores e de xeito excepcional a Pablo Ferreiroa Carballo, pola súa colaboración desinteresada para o Concello de Lalín e a súa veciñanza na diáspora en Venezuela e nos EE.UU., que o recibiu das mans do alcalde José Crespo.

Tras o reparto de agasallos, tanto o conselleiro de Cultura e Educación Román Rodríguez coma o alcalde José Crespo, fixeron as súas respectivas intervencións agradecendo o esforzo que os maiores fixeron e fan por Lalín.

No transcurso da súa alocución, José Crespo deu os parabéns aos premiados e tamén a Pablo Ferreiroa que foi presidente de Fillos de Lalín en Venezuela e que desde a emigración (agora en Miami) sempre bota unha man a Lalín. Explicou que Lalín é dos concellos con máis centenarios de Galicia e tamén o nome da Carballeira onde se celebrou a Romaría: carballeira das Nicasias (e non Casianas).

Na mesma liña se expresou o titular autonómico Román Rodríguez, destacando o esforzo e o traballo desenvolto polas persoas maiores e emigrantes por ser en tempos difíciles capaces de sacar as vosas familias adiante. Púxoos como referentes para educar as novas xeracións.

A continuación tivo lugar o xantar, cuxo menú estivo composto por empanada, polbo con cachelos, carne ao caldeiro e sobremesas. Incluíuse auga, viños, refrescos e tamén bebidas sen alcohol. Rematada a sobremesa, deuse paso ao concurso de baile con premios na modalidade individual e colectivo e finalmente a xornada pechouse cunha actuación musical a cargo de “Grupo Reflejos” e Antonio Barros e iAlma.

Desde o Concello agradécese a colaboración de Bar Rosaleda; Tele Seita; Carola Moda; Akebia; Onde Antonio, Cabanas, Pastelería París, El Rincón de la Mariposa e Bar Recanto, que achegaron os premios para o concurso de baile.

km0