Novas

Buscador de Contenidos

Formulario
INSIDE, DE QUINTANA MARTELO, EXPOSICIÓN DA LV FEIRA DO COCIDO

 

  • A mostra inaugurarase o xoves 9 de febreiro, ás 20 h, no Museo Municipal Ramón Mª Aller 
  • É un retrato persoal e íntimo deste artista plástico, presidente da Real Academia Galega de Belas Artes e cartelista do Cocido, a través de 34 obras creadas desde 2009 a 2023

INSIDE, proxecto expositivo de Manuel Quintana Martelo, será a exposición central da LV Feira do Cocido que se inaugurará o xoves, 9 de febreiro, ás 20 horas no Museo Municipal Ramón Mª Aller. Unha mostra de carácter persoal, promovida polo Concello de Lalín e comisariada polo crítico de arte, Ramón Rozas.

Trátase dun relato íntimo e interior que reúne unha escolma de 34 obras realizadas desde o ano 2009 ata o 2023 que miran cara aquilo que serve de forma e modo para xustificar a actitude (acción) de pintar. O conxunto da mostra INSIDE basea o seu fío condutor naquilo que dun xeito ou outro capta a atención do artista, xa sexa polo impacto visual ou polo contexto narrativo do medio urbanita.

É unha mostra que parte do concepto de pintura como un recurso para a expresión no que o camiño, a viaxe é o importante, o transcendente. Esa relación entre a idea e o seu resultado é a que xustifica a actitude de Quintana Martelo ante a pintura.

Precisamente o último traballo realizado para INSIDE, “Modelo con ramo de rosas” é un claro exemplo da realidade do artista ante a obra, ante a transcendencia dun posible resultado final: todo está aberto, todo pode cambiar e todo está en proceso. Este conxunto expositivo iniciado no ano 2019 cunha obra (carbón, pigmento e óleo sobre papel) e que se pecha no 2023 cunha obra sobre tea de gran dimensión expresa á perfección o pensamento de Quintana Martelo: “Cada día interésame menos a pintura e máis o acto de pintar”.

Manuel Quintana Martelo é un dos artistas plásticos máis recoñecidos do noso tempo. Conta cunha dilatada traxectoria que se retrotrae aos anos setenta e que se plasma nas preto de duascentas exposicións, persoais, colectivas e institucionais, que ten realizado a nivel nacional así como internacional: en Nova Iorque, Miami, Santo Domingo, Porto Rico, Cuba, Caracas, Panamá, Xenebra, París, Alemaña, Italia, Chicago, etc.

Membro de Atlántica, catedrático de Debuxo en excedencia, Premio de Cultura da Xunta de Galicia na modalidade de Artes Plásticas, integrante do Consello da Cultura Galega en 2012, foi cartelista da Feira do Cocido en 2006, así como creador e impulsor baixo a presidencia da RAGBA do Día das Artes Galegas a través do que conseguiu levar a arte galega por primeira vez ao Museo do Prado e que na súa última edición estivo dedicado ao noso Fillo Ilustre, José Otero Abeledo, Laxeiro. En 2028 foi reelixido presidente da RAGBA onde na actualidade compaxina este cargo coa súa actividade artística.

Esta mostra INSIDE contará con catálogo, editado polo Concello de Lalín grazas á colaboración da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

km0