Novas

Buscador de Contenidos

Formulario
MAÑÁ COMEZA UNHA NOVA EDICIÓN DO DIVERCOCIDO QUE CONXUGA MÚSICA INFANTIL, MAXIA, HUMOR, TALLERES, XOGOS TRADICIONAIS, CIRCO E CLOWN

O sábado ás 12.30 terá lugar unha visita do alcalde ás distintas actividades deste festival

As actividades, todas gratuítas, terán lugar na carpa do Campo da Feira a tarde do venres 3 de febreiro e o sábado 4 ao longo de toda a xornada, coa colaboración da Deputación

Paco Nogueiras, Culturactiva Producións, Uxía Lambona e a Banda Molona e Dani García presentarán no Divercocido os seus espectáculos

Haberá un showcooking con produtos ecolóxicos e saudables e Sisel Xogos Populares e Xomatru Xogos Populares achegarán á rapazada enredos tradicionais para que se esquezan por un anaco das pantallas

O Divercocido rematará coa Gala Circocido, un espectáculo protagonizado polo porco don Cocho e no que participarán diferentes compañías, mesturando música, maxia, circo e clown

Mañá pola tarde dará comezo o Divercocido 23, festival familiar promovido polo Concello de Lalín e que se desenvolverá mañá e o sábado 4 de febreiro, en xornada de mañá e tarde. Nesta nova edición o Divercocido combina música infantil, maxia, humor, obradoiros, xogos tradicionais, circo e clown. Unha programación municipal moi variada de actividades, todas gratuítas, dirixidas a todos os públicos e que é posible grazas a colaboración da Deputación de Pontevedra.

O obxectivo do Concello co Divercocido é ofrecer un espazo e unha programación diversa arredor da Feira do Cocido pensada especificamente para as familias e dun xeito especial para a cativada.

O alcalde, José Crespo, realizará unha visita ás actividades o vindeiro sábado, sobre ás 12.30 h aprox., e terá ocasión de observar de primeira man o desenvolvemento das mesmas así coma o desfrute dos máis cativos nos xogos.

 

As actividades desenvolveranse todas na Carpa do Cocido, de acordo ao seguinte programa:

  • Venres 3 febreiro

    • 17 h. Sisel:Xogos Populares

    • 18 h. Paco Nogueiras: Radio Bulebule

    • 19 h. Sisel Obradoiros

    • 20 h. Culturactiva Producións: Saaabor!

  • Sábado 4 de febreiro

    • De 11 a 13 h. Dani García: O museo encantado

    • De 11 a 14 h. Xotramu: Xogos Populares

    • 13.00 h. Uxía Lambona e a Banda Molona: Astronauta sideral

    • De 16 a 18 h. Dani García: O museo encantado

    • De 16 a 19 h. Xotramu Xogos Populares

    • 17 h. Sisel obradoiros

    • 18 h. Showcooking

    • 19 h. Gala Circocido

Nesta edición e por segunda vez, ademais da programación artística, o Divercocido contará coa presenza dun personaxe creado para a ocasión por Luchi Iglesias: trátase dun cabezudo, o señor don Cocho, que acompañado da indumentaria necesaria encargarase de participar na difusión das xornadas e que tamén presentará as distintas actividades.

O Divercocido é xa un espazo de referencia para o público familiar dentro das actividades da Feira do Cocido de Lalín, un evento no que as familias lalinenses e as que se achegan ano tras ano doutras localidade participan e desfrutan, converténdose nun punto de encontro de persoas grandes e pequenas.

Programación detallada

 

  • PACO NOGUEIRAS: RADIO BULEBULE

Traballo premiado na categoría de Música Infantil nos VIII Premios Martín Códax da Música celebrados no ano 2021.

Radio BULEBULE é un espectáculo baseado no libro-cd-dvd “Radio Bulebule” editado por Kalandraka Editora, na que se combinan cancións e interpretacións cos rexistros máis divertidos. Abre as orellas! Sintoniza Radio BULEBULE, a radio itinerante, radio ambulante, radio cantante, transmitindo para o mundo en linguaxe universal. Irrompe no dial a emisora que soñamos. A emisora que máis nos gusta. Porque dentro dela soa o universo todo, porque dentro dela todo o universo é música. Paco Nogueiras convídavos vivir a radio en directo nun divertidísimo programa cheo de humor, baile e cancións. Hai de todo: deportes, servizos informativos, o tempo, axenda cultural... A mellor guía para descubrir as últimas tendencias e mesmo para crear xuntos un gran éxito vogal. Non perdas a fantástica oportunidade de sintonizar Radio BULEBULE e pasalo ben cos amigos e amigas.

 

  • CULTURACTIVA PRODUCIÓNS: SAAABOR! Premio do público Festiclown 2018.

Culturactiva S. Coop. Galega presenta a Félix Rodríguez e Fran Rei en Saaabor!, unha proposta para todos os públicos, de creación propia e dirixida por Avelino González. Saaabor! é un espectáculo cómico que mestura música, maxia, humor, ritmo e participación do público, co mundo da gastronomía de fondo. Os nosos protagonistas convértense en dous recoñecidos chefs que nos ofrecen pratos para todos os gustos: desde a comida máis práctica e sinxela ata a máis elaborada, sen esquecer a sobremesa, elaborando un saboroso menú para toda a familia. Félix Rodríguez é un actor e músico cunha ampla traxectoria escénica en compañías como Odaiko, Píscore e Trío Refugallo, que nesta ocasión se complementa perfectamente con Fran Rei, cómico que ten participado en máis dunha vintena de montaxes con compañías como Os Sete Magníficos máis un, Pallasos en Rebeldía ou Acontrabutaca. Xuntos crearon este espectáculo, unha receita chea de sabor que fará as delicias dos padais máis esixentes. Neste caso como a ocasión o merece farán un cocido, ou polo menos, intentarano.

  • XOGOS TRADICIONAIS

Xogos tradicionais como a corda, carreira de sacos, trompo, etc.

 

  • OBRADOIRO

Obradoiro para facer con materiais reciclados. Varios deseños a escoller. Duración de dúas horas con unha monitora.

 

  • DANI GARCÍA: O MUSEO ENCANTADO

Instalación de 3 horas con 4 cabinas nas que en cada unha podes escoller entre varias opcións para desfrutar de diferentes trucos de maxia. A instalación está composta polas seguintes cabinas:

  1. Gadalka: ambientada nas cabinas de autómatas das máis importantes feiras do século XIX. Tras pronunciar as palabras máxicas, a cortina desta misteriosa cabina deixará a vista ao adiviño Gadalka, Un autómata de carne e óso que abraiará ao público de tódalas idades cos misterios da súa maxia.

  1. O Fotomatón: é unha cabina de fotos, das que se poden atopar en centros comerciais de hoxe en día. Por medio dunha pantalla, un mago e un menú de opción guiarán ao público de xeito virtual e interactivo pola maxia.

  1. Teléfono inglés. Representa unha cabina de teléfono inglesa na que hai que introducir unha das nosas moedas (danse á entrada do museo) para conectar coa centraliña e obter a conexión. Neste momento será a persoa que está ao outro lado, quen usando tan só as palabras creará un mundo imaxinario na mente do público e acompañaraos a vivir unha experiencia máxica

  1. Confesionario: trátase dun confesionario de igrexa onde o público se verá na obriga de “confesar” un segredo. Alguén que casualmente estaba dentro do confesionario tirará da lingua dos espectadores para que revelen ou inventen unha “confesión” que resultará estar escrita incluso antes de pronunciar a primeira palabra. A experiencia de vivir unha adiviñación en directo deixará abraiado a todo o mundo.

As catro cabinas están coordinadas por unha quinta emprazada na entrada, que ten formato de photocall. Esta cabina será empregada polo comisario do museo como punto de información para explicar ben o funcionamento de toda a instalación e para acompañar a algún grupo, de ser preciso. Os grupos serán sempre reducidos, de entre 4 e 6 persoas.

 

  • XOGOS POPULARES XOTRAMU

Todo empezou hai xa uns anos, cando un dos membros de Xotramu, xogador de birlos da zona, se dispuxo a reconstruír xogos que só permanecían na memoria das nosas persoas maiores. Xuntouse un grupiño entusiasta de amigos dunha pequena vila da provincia de Lugo (Muimenta) con moita ilusión por conseguir a recuperación desta parte da nosa historia. Fixeron un interesante traballo de campo entrevistando á xente maior desta zona e doutros lugares, leron libros recompilatorios de xogos tradicionais e así foron descubrindo curiosidades como que en Galicia hai catro modalidades do xogo da chave, que existen diferentes regras para xogar aos birlos, que o mesmo xogo responde a distintos nomes segundo o lugar onde se practique: billarda, estornela… Así foi como se embarcaron na aventura de organizar unha Xornada de Xogos Tradicionais en Muimenta. A partir de aí esta asociación foi medrando e intentando que os nosos xogos populares sexan accesibles a toda a rapazada de Galicia para que por un rato se esquezan de pantallas e desfruten como nos facíamos de pequenos.

 

  • UXÍA LAMBONA E A BANDA MOLONA: ASTRONAUTA SIDERAL

Uxía Lambona e a Banda Molona recolle os clásicos populares galegos dándolle o seu toque particular desde a Carolina rapeada ata o Jato Roqueiro e por outros moitos temas tradicionais e algún que outro tema propio, pasando polo ska, o reggae, o klezmer, a cumbia e o tango.

Todos eles moi dinámicos, facendo que todos os nenos/as presentes sexan partícipes deste “des-concerto”, cheo de bailes, xogos, coreografías e algunha que outra sorpresa!

 

  • SHOWCOOKING: MERENDAS SAUDABLES

Neste caso será un showcooking con produtos ecolóxicos e saudables para aprenderlles aos pais e nais e tamén os nenos e nenas a comer mellor e tamén a coñecer novos produtos e aprender a empregalos.

 

  • GALA CIRCOCIDO

Neste caso sería un espectáculo de 75 minutos aprox. que estaría presentado polo Porco don Cocho realizado por Luchi Iglesias e no que participarán diferentes compañías, mesturando música, maxia, circo e clown. No caso de que poda encaixarche pechamos exactamente o elenco porque é variable en función da dispoñibilidade, pero sempre leva algo de aéreos, algo de malabares (con lume ou sen el) algo de maxia e algo de clown.

Ademais de todas as actividades, o escenario estará perfectamente decorado para ambientar o evento, con decoración de porquiños e cun photocall simulando unha horta con cabazas, remolachas e outros alimentos do porco e con apeiros típicos.

km0