Novas

Buscador de Contenidos

Formulario
ENVELLECEMENTO SAUDABLE E COIDADO A DOENTES DEPENDENTES, TEMA DA PRÓXIMA CHARLA DO CICLO MUNICIPAL DE SAÚDE “COIDA(te). ESCOITA(te)”
  • Terá lugar o mércores, 10 de abril, ás 19 horas e será ofrecida pola socióloga e doutora en Ciencias da Saúde, Ana Díaz Cortés
  • Todas as conferencias son de entrada gratuíta e desenvólvense no edificio polivalente da rúa Manuel Rivero

O “I Ciclo de Conferencias de saúde “COIDA(te)”. ESCOITA(te)” do Concello Lalín continúa o mércores, 10 de abril, ás 19 horas, cunha “Charla sobre envellecemento saudable e coidado de longa duración”, ofrecida por Ana Díaz Cortés, socióloga e doutora en Ciencias da Saúde. Así o sinala a concelleira de Saúde e Hábitos Saudables, Noelia Seijas, que lembra que todas as charlas son de asistencia gratuíta ao tempo que anima á veciñanza á participación. Desenvólvense todas elas no edificio polivalente da rúa Manuel Rivero.

A do vindeiro 10 de abril será unha charla divulgativa na que Ana Díaz Cortés explicará que, estando inmersos na década do envellecemento saudable da OMS (2021-2030) e tendo a nosa comunidade un dos índices de envellecemento maiores do noso país, é necesario que a poboación teña coñecemento do que supón para unha persoa o tránsito a esta etapa, a fin de que non se trate só de vivir máis anos senón que eses anos teñan calidade e poidamos preservar durante máis tempo as nosas capacidades. Neste sentido, fará especial fincapé nas relacións sociais cuxo mantemento se asocia desde hai tempo cunha vida máis lonxeva e saudable e cuns menores índices de depresión en persoas maiores, ao tempo que cunha maior autonomía persoal.

Así mesmo tamén se falará do concepto de felicidade e dun dos escenarios máis comúns en procesos de envellecemento que é o coidado dun doente dependente, ofrecendo ferramentas para paliar o desgaste e o estrés que supón lidiar cunha situación así. A importancia do coidado, o desafío do coidado continuo, o estrés e síndrome do coidador queimador, a corresponsabilidade familiar no coidado e a importancia de buscar servizos de apoio formal, serán algunhas das cuestións que se analizarán na charla do vindeiro mércores.

Ana Díaz Cortes é doutora en Ciencias da Saúde e socióloga. Conta con máis de vinte anos de experiencia en proxectos de comunicación, formación e edición. Realizou a súa tese doutoral no servizo de Neuroloxía do Hospital Clínico de Santiago de Compostela cunha investigación sobre o afrontamento ao estrés en coidadores de doentes con enfermidade de alzhéimer. Froito deste traballo impulsou o Grupo Hospitalario de Apoio ao Coidador do que ten como obxectivo formar ás familias en habilidades e destrezas para que implementen o coidado desde o coñecemento e co menor desgaste posible, un proxecto que en 2021 resultou finalista dos Premios nacionais “Best In Class” na categoría de humanización sanitaria.

Actualmente é docente do Sergas, ten participado en diferentes estudos sobre os coidados e é autora de artigos de divulgación sobre a familia, a corresponsabilidade e o afrontamento positivo. Escribiu dúas guías: “Guía de apoio ao coidador de doentes con demencia” e “Corresponsabilidade no coidado”. Tamén é autora do conto “O círculo da vida”, dirixido especialmente aos nenos que teñen que convivir cun doente con enfermidade de alzhéimer.

km0