Novas

Buscador de Contenidos

Formulario
O CONCELLO DE LALÍN CELEBRA A NOITE MUNDIAL STARLIGHT 2024 CUNHA CONFERENCIA TITULADA “O CEO NOCTURNO, UN PATRIMONIO ESQUECIDO”

  • Lalín é Destino Starlight desde hai un ano e xa ten desenvolto actividades de promoción ligadas a esta distinción turística vinculada á observación das estrelas

 

  • Coa charla do 20 de abril Lalín farase oco dentro das actividades que por todo o territorio nacional hai con motivo da Noite Mundial Starlight

 

  • Será ás 21 h no Museo Municipal, aberta ao público, e será ofrecida polo astrónomo do Observatorio astronómico Nacional de Madrid, Pedro Pablo Alonso

O Concello de Lalín conmemorará o vindeiro sábado, 20 de abril, a “Noite Mundial Starlight 2024” cunha conferencia titulada “O ceo nocturno, un patrimonio esquecido”, que será ofrecida polo astrónomo do Observatorio astronómico Nacional de Madrid, Pedro Pablo Alonso. Será aberta á participación da veciñanza e terá lugar ás 21 horas no Museo Municipal.

Cómpre recordar que o Concello de Lalín obtivo este recoñecemento internacional de calidade turística en abril de 2023, tras un longo proceso para poder acreditar os estándares de calidade requiridos para obter esta distinción, na que se traballou en colaboración co profesor Docobo, director do Observatorio astronómico da USC, así como do seu equipo conformado por Pedro Pablo Alonso e Xabier Pérez Couto.

O pasado verán desenvolveuse un ciclo de actividades municipais de promoción deste turismo ligado á contemplación das estrelas para poñer en valor esta distinción que incluíu observacións astronómicas, conferencias e a experiencia “Noite das Perseidas”, observación a simple vista e con telescopio portátil desde a zona cero do Destino Starlight, no Alto de Rodelas.

A Noite Mundial Starlight é unha iniciativa que desde 2007 promove a Fundación Starlight e á que cada ano se suman máis territorios para celebrar a Noite Mundial en Defensa da Luz das Estrelas cada 20 de abril, neste caso, o Concello de Lalín. Deste xeito, coa conferencia do vindeiro 20 de abril Lalín tamén terá oco dentro das actividades por todo o territorio nacional se farán con motivo da Noite Mundial Starlight.

A Noite Mundial Starlight é unha data destinada a concienciar sobre a importancia de observar o ceo e protexer a calidade do mesmo. Ten como obxectivo principal promover a conservación da calidade do ceo nocturno, fomentando o desenvolvemento de técnicas de iluminación eficientes.

O Destino Starlight é un dos atractivos que se quere potenciar en Lalín para incrementar o interese turístico do municipio sobre todo no que se refire ao mapa astronómico e científico. Lalín é un dos seis destinos Starlight que actualmente existen en Galicia xa que contan con esta distinción: o Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia; A Costa da Morte; Trevinca; Muras e a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas. 

km0