Novas

Buscador de Contenidos

Formulario
LALÍN ESTREA NO SECTOR GALEGO XUVENIL DE BALONMÁN UNHA UNIDADE MÓBIL DE REALIZACIÓN E XESTIÓN DE AUDIO E VÍDEO QUE SE ENCARGARÁ DE TRANSMITIR E SONORIZAR EVENTOS DE PEQUENO E MEDIANO FORMATO
  • Dende a empresa CINFO, unha das punteiras no sector de xestión de vídeo a través da nube e de internet indican que esta unidade móbil é a primeira ca que contará un concello galego para a realización de eventos de medio e pequeno formato con persoal propio 
  • Unha unidade móbil que se incorpora á rede de edificios públicos municipais que contan xa con unidades fixas de realización en directo para a emisión tanto a través de YouTube ou Facebook, como da OTR lalin.gal (a canle de televisión municipal en internet)

  • Con esta nova dotación, o Concello de Lalín segue á vangarda na evolución tecnolóxica nos municipios galegos

A tenente de alcalde e responsable da EDUSI, María Paz Pérez Asorey, anunciou a posta en servizo da nova Unidade Móbil Multimedia coa que contará o Concello de Lalín e que permitirá sonorizar e realizar streamings de eventos, charlas ou conferencias en exteriores, locais sociais ou a pé de rúa coas mesmas prestacións que as que se realizan en espazos públicos que xa contan con esta tecnoloxía como son o hall do Concello, a Sala de Prensa, o Auditorio, o Salón Teatro, o Edificio polivalente ou o Lalín Arena que ademais conta con un servizo de retransmisión de eventos deportivos realizados de xeito automático grazas á Intelixencia Artificial.

O novo módulo multimedia conta con dúas partes, ambas dotadas con elementos de última xeración, para a xestión da sonorización dos espazos e ao tempo a emisión de sinal de vídeo en directo a través de calquera plataforma. Dito sistema, que é controlado de xeito telemático e virtual para o son e que conta con realización na nube para o mesturado de fontes de vídeo, foi armado e dotado das plataformas de xestión de audio e vídeo pola tecnolóxica galega CINFO que desenvolve tanto os equipos como o sofware de xestión.

A parte de audio pode manexar un total de 12 fontes dixitais de son que poden xestionar calquera evento de pequeno ou medio tamaño dos que realiza o Concello e a parte de vídeo podería manexar un total de catro cámaras, dúas de elas que están incorporadas xa no equipo montado nun rack, son robotizadas e con calidade 4k e podería montar un total de ata catro cámaras e varios Vtr (reprodutores de vídeo) virtuais; así como, emisión de cartelas, tituladora e a maior parte das ferramentas dispoñibles nun equipo profesional.

CAMPIONATO GALEGO XUVENIL

O primeiro evento, conforme avanzou Pérez, no que entrará en funcionamento a nova unidade móbil será esta fin de semana na celebración do Campionato Galego xuvenil de balonmán, xestionando toda a sonorización tanto de ambientación como de locución do evento e encargarase de animar con música o tempo de lecer entre encontro e encontro. Este equipo será tamén o encargado de xestionar o son no partido que disputarán as seleccións de España e Serbia no Lalín Arena.

Dende a propia empresa CINFO, unha das punteiras no sector de xestión de vídeo a través da nube e de internet, tanto a nivel nacional como europeo, indican que esta unidade móbil, montada nun armario transportable e que pode funcionar tanto con conexión directa á rede como con tarxetas 5G, é a primeira coa que contará un concello galego para a realización de eventos de medio e pequeno formato con persoal propio e sen ter que depender de contratas externas.

Unha unidade móbil que se incorpora aos edificios públicos municipais que contan xa con unidades fixas de realización en directo para a emisión tanto a través de YouTube ou Facebook, como da OTR lalín.gal (a canle de televisión municipal en internet).

Para o manexo deste novo equipo, traballadores municipais participaron  nunha xornada formativa por parte da empresa para coñecer os pasos básicos no funcionamento que irán completando coa realización de diversos eventos.

Con esta nova dotación, o Concello de Lalín segue á vangarda na evolución tecnolóxica nos concellos galegos. A tenente de alcalde, Paz Pérez, avanza que, nas vindeiras semanas, a Concellería de Novas tecnoloxías incorporará un novo espazo a esta rede de espazos preparados para a retransmisión de eventos que fan chegar contidos a todos os veciños e interesados a través de internet.

km0